+ 34 981 850 903
+ 34 627 184 678

Inicio Blog O Entroido é tempo de cocido, ven probalo a Casa...

O Entroido é tempo de cocido, ven probalo a Casa Perfeuto María

Mércores, 24 de xaneiro de 2018

Por que é tan especial este cocido?

“Aprendín a facer este cocido por unha herdanza familiar, a miña nai xa o preparaba moi ben” dinos China, que destaca a importancia de facer este cocido con ingredientes da casa, algo fundamental para conseguir o seu auténtico sabor. Mais non vale calquera produto, e dános unhas pistas da súa procedencia: “a carne vén directamente de Lalín, a carne máis rica da zona que chega aquí exclusivamente por encargo”.


Precisamente a carne, como boa protagonista do cocido, é a que ten o segredo do resultado final. China utiliza tres potas con diferentes carnes, que deixa a cocer a lume baixo durante unhas seis horas. Unha vez que o caldo vai collendo ese sabor característico, é o momento de meter as patacas. As mellores, non cabía dúbida, pois “son da zona de Coristanco, en Carballo, das patacas máis cobizadas de Galicia”. Como podedes ver, a procedencia do produto coidase ao máis mínimo detalle, mercando só das zonas máis exclusivas e asegurándose de que os animais leven unha alimentación totalmente natural. Complementan a este cocido as fabas e os grelos, legumes e verduras acadadas na zona de Outes, cunha cocción na que tamén se aproveitan os caldos da carne.

Só para grupos

Casa Perfeuto María abre todos os días da semana para que os interesados no seu cocido poidan degustalo. A condición para facelo é conformar un grupo, “xa que para poder aproveitalo precísase un mínimo de xente”. O único que toca despois é sentarse e saborear. Ademais, non hai comida que se prece sen unha boa sobremesa, e é por iso que China prepara o doce do Entroido por excelencia, as filloas. A meirande parte das filloas que acompañan ao cocido son salgadas, e a nosa cociñeira encárgase de enchelas de crema caseira, coma mel ou nata.

O cocido e o Entroido

Se nos falan dunha comida típica do Entroido en Galicia, sen dúbida pensamos no cocido. Existe unha auténtica relixión ao seu redor, especialmente no rural, xa que o Entroido representa a época de maior abundancia na comida nas aldeas galegas. Nesta devoción polo cocido inflúe tamén o feito de que sexa unha época fría do ano, na que o corpo pide un tipo de comida máis quente.


Así que xa o sabes. Sexas galego ou non, se queres sentirte coma un auténtico fillo de Breogán non quedes sen probar o menú especial de Entroido de Casa Perfeuto María, sen dúbida unha experiencia que sempre quererás repetir.